
Pode converterse o galego unha lingua de comunicación internacional?
Ou xa o é?
Que a mocidade experimente que o galego lle abre a porta a outras culturas e países é un dos nosos obxectivos. Queremos poñer en contacto a rapaces e rapazas galegos con outros da súa idade noutras latitudes do planeta. Tutelados en todo momento por docentes, que dirixirán as interaccións, daranse de conta de que con moi pouco esforzo poderán acceder a esoutras realidades, entender esas sociedades, e incluso viaxar a elas para que tamén Galiza poda exercer a súa influencia con proxectos de desenvolvemento, e por que non, con futuros proxectos de apertura de mercados. Galiza está tamén chamada a conseguir socios comerciais alén do mar.
Esta é a dirección de ida.
Pero hai outra de volta. O segundo obxectivo é dar a coñecer entre os diferentes países da lusofonía a existencia do galego como unha variante máis do portugués, co seu sotaque ou acento propio.
Queremos poñer Galiza e o galego no mapa de relacións internacionais. Para tal fin estamos a traballar no desenvolvemento dun proxecto de relacións internacionais en galego, no que o estudantado de secundaria será o protagonista.
Este encontro en liña entre rapaces e rapazas brasileiros e galegos non só quere demostrar que se poden entender entre si. Para Victor Hugo Vasconcelos, brasileiro afincado na Coruña e organizador destes encontros, un dos obxectivos desta iniciativa é que Brasil coñeza a existencia de Galiza e do galego, porque tamén é importante que coñezan que a Galiza fai parte da historia do Brasil”, realidade “que os brasileiros non saben”.
Ata agora houbo tres encontros, nos que participaron desde Brasil a Escola Municipal de Ensino Fundamental Fernando Gracioso, de São Paulo e a Escola Estadual Helena Guerra de Contagem-Minas Gerais. Desde Galiza foron tres os centros de ensino que se sumaron a esta iniciativa, os IIEESS da Sardiñeira e Monte das Moas da Coruña e o de Ribeira desde o Barbanza.

O encontro dixital foi intenso, xa que o alumnado puido verse e tamén se presentaron nas súas respectivas variedades lingüísticas, o brasileiro e o galego. Pero sóubolles a pouco. O profesor Hofling Nascimento da Escola Fernando Gracioso considera que que tanto alumnado como profesorado gozou moito das interaccións. “Os alumnos puideron comprender a profundidade da experiencia” e “avaliamos que foi un éxito”, de feito “os nosos alumnos estanme preguntando todo o día sobre o próximo encontro”. Só falta poñer a data, pois Ana Martínez do IES Monte das Moas, tamén trasladou que “aos meus alumnos lles gustarías facer unha segunda sesión”.
Pola súa banda, desde Minas Gerais, a profesora Lais Marçal quixo saber das primeiras impresións tralo encontro. “Eles comentaron sobre as súas similitudes, sobre as palabras diferentes que entenderon, sobre a prosodia, estaban tentando gardar os nomes dos colegas cos que conversaran e falaron sobre as comidas que os rapaces presentaron”, explicou. Neste encontro o alumnado compartiu un pouco sobre as súas cidades, os seus alimentos favoritos e os equipos de fútbol. Tamén mostraron interese en repetir a experiencia. “Xa me preguntaron cando será a próxima data, están moi emocionados”, engadiu. Do mesmo xeito Sonia Varela, da Sardiñeira trasladou o “moito interese” que mostrou o alumnado polo encontro. E os alumnos de Ribeira “agora xa non teñen vergoña”, afirma a profesora Sofía Tarela, que pensa que o encontro “para nós foi fantástico”, e está convencida de que a rapazada se soltará máis a próxima vez.

Organizar estes encontros levou o seu tempo. Victor Vasconcelos contou en Brasil coa colaboración de Christian Salles, ambos naturais de São Paulo. Desde Galiza colaborou a coordinadora de Normalización Lingüística da Consellería de Educación, Pura Galán, que localizou centros educativos interesados en participar no proxecto. Houbo que esperar a que volveran os brasileiros das súas vacacións de verán, que no seu país cadran no noso nadal, para poñer en marcha as conversas.
Pero Víctor Vasconcelos sabía que valía a pena persistir. El valora “a experiencia de establecer pontes”, que sirva de “inicio dunha relación cada vez máis próxima entre Galiza e Brasil”. Segundo a súa visión, “todo contacto cos países que falan portugués é importante para revalorizar a lingua propia, principalmente para os alumnos galegos,” explica lembrando que actualmente as persoas falantes de portugués superan os 260 millóns de habitantes. “Mais en termos de expansión comercial a chave é Brasil e Portugal”, aclara. “O Brasil ten potencial económico e” estreitar lazos con Portugal é interesante pola súa proximidade”, engade.
De feito, “este proxecto é máis que un círculo de conversa, é unha acción colectiva para achegar Galiza e Brasil para que os galegos se dean conta de que hai un mundo do que gozar coa lingua propia, pola proximidade entre as variedades lingüísticas. Esperamos manter mais encontros e achegar máis escolas brasileiras e galegas a esta rede fraterna unida pola lingua común”, afirma Vasconcelos.