O pasado 2 de agosto celebramos no hotel Santiago Apóstol de Santiago de Compostela a I Xornada Manoel Vello, no que analizamos o uso do galego nos contornos dixital, laboral e radiofónico.
Os relatores convidados compartiron cos asistentes a súa experiencia neses sectores, dos que xurdiron debates moi produtivos na sala.
Foron varias as conclusións ás que se chegaron e as suxestións de accións de diferente índole para garantir o uso o galego nestes ámbitos.
Pero no que coincidiron relatores e asistentes foi na necesidade de celebrar mais a miúdo encontros desta natureza. É un feito que a sociedade ten posibilidade de mellorar o funcionamento dalgunhas prácticas, e este tipo de xornadas ábrennos os ollos e permítennos marcar o camiño que percorrer.
Desde a nosa asociación comprometémonos a celebralas regularmente e inspirarnos nelas para a elaboración de proxectos dirixidos a garantir o noso dereito a vivir en galego.
Paulo Rodríguez, de Dinahosting, compartiu connosco un dato moi valioso á hora de estimar a demanda real do galego no contorno dixital, dato que incluso nos sorprendeu gratamente. En certos contextos dixitais, onde se facilita a escolla do idioma, e aínda que esta escolla se produza desde unha posición de desvantaxe, un vinte por cento dos usuarios seleccionan o galego desde Galiza.
Comparando esta porcentaxe co trinta e tres por centro de usuarios cataláns que optan pola súa lingua autóctona, se ben apreciamos que é claramente inferior, tendo en conta as políticas de fomento do catalán nesa comunidade, os datos galegos non son tan negativos como sospeitábamos os que nos buscamos diariamente a vida para buscar a opción ‘en galego’ na rede e comprobamos que en moitos casos non está dispoñible.
E a que se debe esta falta de interese do subministrador de software ou mesmo do propietario dunha web a facilitar a opción ‘en galego’?
Débese unicamente a ese 13% que nos diferencia do consumidor catalán, lingua que en moitas veces si vemos como optativa cando a miúdo intentamos infrutuosamente configurar o noso contorno dixital en galego, ou existen outros factores a considerar?
Ten que ver coa tendencia a empregar o castelán no entorno empresarial por parte dos empresarios galegos que falan galego na intimidade pero non empregan a lingua do país na comunicación dixital, como apuntaron algúns empresarios presentes na xornada?
Vender en galego na rúa pero en castelán na rede
Por agora aínda son minoría (non temos o dato exacto) as empresas galegas que non ofrecen a opción da nosa lingua na súa páxina web. E se ben a responsabilidade recae obviamente na empresa, hai un feito constatado por diferentes asistentes á xornada, entre os que se atopaban empresarios, e que nos fixo reflexionar a todos: moitas trabas non veñen unicamente do equipo de dirección da empresa, tamén as hai externas.
Vender en galego na rúa, pero non na web?
No sector empresarial, sobre todo da alimentación, está xa asumido que o factor de pertenza a unha comunidade é fundamental para vender. Os parámetros proximidade e calidade están estreitamente identificados. Pero esta identificación non so non se traslada a outros produtos de servizos, senón que mesmo moitas empresas destinadas a ser subministradoras de alimentos limítanse a facer publicidade en galego sen por elo ofrecer versión web nesta lingua.
A que se debe?
A este respecto Paulo Rodríguez apuntou que é habitual que as empresas de márketing oferten paquetes de software mais ou menos pechados, de tal maneira, que cando un cliente demanda versión en galego resulta ou nunha incomodidade para a provedora, ou un sobrecusto para o cliente. Unha liña de traballo podería ser desmitificar e divulgar entre as empresas do sector, que solucións técnicas hai de localización de webs e técnicas para reducir os custos.
As administracións teñen a chave
Poderíanos comezar a preocupar o feito de que ofertas de formación de profesionais de márketing no ámbito privado ignoran completamente a existencia e presenza do galego no contorno dixital. Non nos resultaría incomprensible que o profesional formado neste tipo de oferta educativa non mostre interese e incluso, como denuncian algunhas voces presentes na sala, poñan pegas ou mesmo se neguen a ofrecer a versión en galego da páxina web á empresa que o contrata.
E cal é a presenza e significado que ostenta o uso do galego nos estudos de Publicidade ofrecidos polas universidades galegas? Colabora a universidade pública galega no fomento do márketing dixital en galego?
A este respecto Paulo Rodríguez formulou unha petición moi clara: que as institucións públicas, entre elas a universidade, se implique neste asunto e comecen por elaborar estudos de mercado que repercutan nunha aptitude proclive cara o galego por parte dos profesionais do márketing. Esta institución ten capacidade para iso o e debería ostentar a autoridade que lle confire ser un ente público á hora de marcar o camiño a seguir para fomentar o uso do galego na rede.
Os datos están claros: se un vinte por cento dos galegos quere versións en galego no contorno dixital, por que hai tantas reticencias a empregalo na web por parte dos publicistas?
As vantaxes do multilingüismo
E argumentos en prol do uso do galego na rede hainos.
É un feito constatado que as empresas que ofrecen diferentes linguas de comunicación ao usuario desfrutan de vantaxes en comunidades bilingües e multilingües. E a este respecto, tampouco estaría de mais a elaboración de traballos sociolóxicos que estude o consumo multilingüe.
O punto de partida sería pois a universidade pública, que en función dos resultados dos seus estudios, poderían establecer estratexias de márketing para posteriormente divulgalos nas cámaras de comercio.
Exemplos de opcións lingüísticas non viables
E que pasa cos subministradores de software e as plataformas?
É mais complicado influír. As opcións de lingua ofrecidas polas multinacionais responden a diversos factores. Hai moitos mecanismos de medición para estimar a necesidade de ofrecer unha nova lingua. E estas empresas só adoitan reaccionar cando pensan que lles vai repercutir directamente no seu volume de ventas.
Paulo Rodríguez lembrounos o proceso de solicitude da presenza das linguas cooficiais en Netflix. Atendeuse esa petición, pero actualmente esta medida non resulta en absoluto efectiva, pois a plataforma obriga na práctica a buscar manualmente os poucos contidos en galego, predominando sempre o idioma principal. Tanto é así que A Mesa pola normalización lingüística creou un sitio web propio en paralelo, para publicitar os contidos que están traducidos.
Kit de supervivencia
E mentres, como sobrevive o usuario que quere comunicarse en galego coa rede? Non son poucos os que optan directamente por buscar a opción en lingua portuguesa ante a falta de versión en galego dalgunhas aplicacións. Sen dúbida é a opción elixida entre o usuario que emprega ou está familiarizado coa gramática e ortografía reintegracionista, ainda que sempre se poden configurar os dispositivos co galego como primeiro idioma, o portugués como segundo, para que este se amose como alternativa cando o primeiro non estea dispoñible.
Á hora de navegar pola rede, a mellor medida é configurar o navegador en galego, para que os sitios web sirvan a versión nesta lingua, se estiveren preparados para o facer, ou polo menos para que rexistren que hai usuarios que o demandan.
Outra medida, sería configurar a tradución automática no navegador, loxicamente limitada a ese ámbito e coas limitacións que ten este tipo de técnicas.
Nas actuais circunstancias sempre quedarán lagoas na rede, ou ocos nos que o tradutor do navegación non poda operar, por iso é preciso, seguir reclamando tanto individualmente a atención en galego, como colectivamente por medio de campañas.
Dereitos restrinxidos
A modo de aclaración, a miúdo escoitamos que temos dereito por lei a ser informados en galego, pero esta normativa afecta unicamente ao ámbito público, que nin sempre o contempla de xeito íntegro. No ámbito privado ningunha empresa ten obriga de ofrecer o seu interface en galego. Será o mercado o que condicione esta circunstancia. E nese sentido o usuario ten un poder que non sempre emprega por falta de tempo e paciencia.
Mentres esta realidade non se adapta aos nosos dereitos, de ser informados na nosa lingua autóctona, desde a Asociación Pro-Fundación Manoel Vello seguiremos reflexionando para buscar atallos e colaboracións con outras entidades en prol de facer realidade que o usuario poda exercer o seu dereito a vivir dixitalmente en galego.
“Á xente gustáballe” que a empresa empregara o galego como lingua vehicular, afirma Esther Rodríguez Barbeito, de Construccións Otero Pombo, primeira relatora da mesa redonda na que se analizou o uso do galego no entorno laboral.
Esther refírese tanto á clientela como á administración, que segundo relata, felicitaba e animaba a súa empresa a impulsar o uso da lingua do país. Tanto Otero Pombo como outras moitas empresas fixeron o intento e conseguiron “vencer inercias con pequenos actos”, explica, porque ten un “efecto normalizador” no sector. Pero iso cambiou. Agora estas empresas séntense soas e en ocasións menos motivadas, motivo polo que “ultimamente nos estamos relaxando” neste labor, engade.
Se ben na empresa que representa, pertencente ao sector da construción, “o mundo da obra fala galego”, pola súa banda, o cadro de persoal da oficina tende a empregar o castelán para comunicarse dentro e fora da empresa, aclara. “Se se lles piden fálano”, matiza, pero outra cousa é redactar contratos e demais documentacións en galego. Non existen modelos en galego e terían que traducilos, e “o tempo son cartos” para unha empresa, polo que maioritariamente realizan as xestións por escrito en castelán, xustifica.
O galego vende
O segundo en intervir, Lito Andión, de Queixos Hoxe, coincide neste punto: “A xente fala galego, pero os procesos fanse en castelán”. E el intentou cambialo cando entrou na empresa, porque “ás veces ten que ser unha persoa quen tire do carro”, explica.
E dese xeito quixo que non so o cadro de persoal, senón tamén o produto falara na lingua do país. Por iso propuxo a etiquetaxe en galego, e os resultados confirmaron as súas sospeitas: o galego vende.
Pese a ese feito constatado pola empresa que xestiona, observa que ningunha administración fixo aínda estudos de márketing sobre o uso da lingua, necesarios para animar a outras empresas a relacionarse co cliente en galego. E se ben aclara que aínda existen prexuízos no sector, lembra que o mellor indicador de éxito é que a distribuidora catalana Caprabo demanda a etiqueta do queixo en galego.
Ademais dos posibles prexuízos e descoñecemento do éxito de vendas dos produtos etiquetados en galego, o sector alimentar atópase desde 2015 cun novo atranco. Trátase da normativa que obriga a poñer en castelán os ingredientes dos produtos vendidos no mercado español. Isto fai recuar algunhas empresas, se ben sempre se pode deixar a etiqueta bilingüe, explicou Lito. Pola súa banda, os viños téñeno mais doado, pois lonxe de ter que traducir a listaxe de ingredientes, limitan o uso de castelán á frase contiene sulfitos. O do viño é un sector que vende moi ben en galego, porque relaciona a lingua da etiquetaxe coa orixe do produto, aclara.
En canto ao uso do galego dentro do cadro de persoal, se ben as cousas cambiaron, tamén lles levou o seu tempo nalgunhas prácticas. Lito Andión explica que nos procesos interveñen tamén persoas externas á empresa que poden interromper o uso do galego como lingua vehicular, e puxo como exemplo un traballador dunha distribuidora local que, argumentando non ser galego, se negaba a que empregaran con el a lingua do país.
Só un dous por cento o rexeita
Na Autoescola Mata non fixo falta reflexionar sobre o asunto. Tivérono claro desde o principio. O negocio familiar comezou a seguir empregando de xeito natural a lingua que falaban na casa. Exemplar. A vantaxe que tiveron foi que se trataba dunha empresa pequena que creceu lentamente. As novas incorporacións foron adoptando o galego de xeito natural, incluso unha empregada procedente do País Vasco non só non condicionou o uso da lingua, senón que tamén se vai atrevendo ela pouco a pouco a empregala.
E se aos clientes non lles gusta, Mata calcula que non supera o dous por cento, pois asúmese a perda. É mais, na empresa están convencidos de que o feito de usar o galego atrae a máis clientes dos que espanta.
As clases danse en galego, pero o problema radica no material impreso. Mata aclara que cando xa conseguiron que algunhas editoriais publicaran libros en galego, veu a pandemia e pasáronse a formato dixital, polo que agora teñen que empregar outros soportes que só obteñen en castelán. Será cuestión de tempo poder facerse co novo material na nosa lingua.
O lóxico sería que os alumnos fixeran tamén o exame en galego. Pero para iso hai que notificalo con antelación á Dirección Xeral de Tráfico porque se lles convoca noutra data e iso fai desistir a moita xente, laméntase José Mata. Neste sentido, sería convinte conseguir que Tráfico tivese sempre a dispor a versión en galego do exame, para facilitar a súa escolla.
A axuda da administración dá resultados
O público tamén quixo ter a súa voz. Quedou claro que o empresario decide. Se ben os presentes coincidiron maioritariamente na conveniencia de facer o uso do galego dun xeito “natural”, tamén insistiron na necesidade de “non relaxarse”.
Entenderon que as empresas que dan ese paso fano convencidas e por iniciativa propia “porque cren que fan o correcto”, pero que tamén “necesitan unha retroalimentación ou feedback por parte da sociedade”. E o mellor xeito sería a publicación de datos, para o que se requiren estudos ao respecto por parte das institucións públicas.
E unha vez mais foi Cataluña o referente. Nesa comunidade poténciase o uso do catalán nas empresas con campañas de axuda, política da que carece actualmente Galiza, e que sería necesario por en marcha.
Pero non só se implicaron as institucións, tamén o fixo a sociedade catalá. E deuse a coñecer a eficacia de pequenas accións por parte da cidadanía, como a iniciativa de asociacións culturais de Barcelona que se dedicaban a ir en grupo a cear os venres, e marchaban se o restaurante non lles ofrecía a carta en catalán. E funcionou. Esta medida conseguiu normalizar os menús nesa lingua. Será que e o cliente manda, como xa apuntábamos na primeira charla. Pero esta reflexión deixarémola para outra xornada.
Que contidos enganchan á mocidade? Preguntamos na charla dedicada ao galego no entorno radiofónico, na que participaron Santiago Veloso de Ponte… nas Ondas e Pablo García da Asociación de Medios en Galego.
“Non é o só contido, é o enfoque” o que importa, explica Pablo García. “ A mocidade demanda o mesmo que os adultos”, é dicir, “ o contido debe ser diverso, só que en códigos actuais, cunha linguaxe xuvenil”, aclara.
De feito, a principal eiva que detectamos actualmente na rede, non é tanto que os influencers que producen contidos en galego son poucos, senón que eses contidos se restrinxen actualmente ao ocio e á cultura. Asociar o uso do galego a estes ámbitos nas redes sociais supón aceptar que non se pode usar par ao día a día.
Cal é logo a receita para que os mozos que viven na Galiza e están escolarizados en galego consuman e demanden estes e outros contidos audiovisuais en RRSS en galego? “Darlles a palabra a eles, aos mozos”, que sexan eles os que os creen, engadiu Pablo e asentiu Veloso.
Escola de influencers
O obradoiro para ensinar á mocidade a crear contidos xa o temos, e chámase Ponte…nas Ondas! O seu impulsor, Santiago Veloso, lémbranos que esta iniciativa, que xa leva 30 anos funcionando, foi recoñecida pola UNESCO como “exemplarizante” na súa defensa do patrimonio inmaterial e cultural galego-portugués. E destacou o interese que esperta esta iniciativa de radio na escola no exterior, no resto da península, cando en Galiza “somos aínda pouco coñecidos e precisa implantación no ámbito educativo”.
Como facelo pois coñecido en Galiza? Facilitándolle “esta ferramenta ás novas xeracións e que os novos aprendan a facer produtos en galego e levando a radio á escola, é dicir, a máis escolas” explica Veloso.
Ademais Ponte…nas ondas! utiliza a lingua como ponte entre Galiza e o resto da lusofonía, pois “o galego está fóra da península”, afirmou, lembrando que o galego-portugués é falado por 260 millóns de persoas no mundo.
Demanda dun grupo mediático en galego
O proxecto de Ponte… nas Ondas é óptimo, pero o reto de estendelo a toda Galiza aínda enorme. E mentres tanto, os rapaces seguen a percibir ano tras ano que o galego é unha materia mais do currículo escolar, cuxo uso fora das aulas restrínxese ao folclore, apuntaron algunhas voces presentes na sala.
E parece evidente de que a solución para cambiar a situación está nas nosas mans.
Pero como competir cos medios de comunicación galegos que elixen empregan case na súa totalidade o castelán, e que son os que reciben a maior parte das subvencións públicas? O presidente dos Medios en Galego aporta un dato esclarecedor, vinte millóns mediante axudas, convenios ou outras formas de financiación para os principais grupos mediáticos fronte aos 200.000 € para a prensa en galego. Radios, produción audiovisual e medios dixitais non reciben nada.
Outro dato. Actualmente hai vinte cinco radios que emiten integramente en galego. Pero son todas municipais, ningunha privada. Sabendo como sabemos que hai unha porcentaxe de información non pouco relevante que quere ser informada en galego, que é o que fai que os grandes medios pasen por alto esta demanda? As leis do mercado?
Pablo García insistiu na necesidade de fomentar a outro tipo de medios mais pequenos, a pregunta sería como promocionalos? Unicamente con subscricións?
O xornalista aproveitou a ocasión para louvar o traballo feito dende a Asociación Obradoiro Dixital Galego, onde un dos seus podcast “O exército Mekemeke”, dirixido por Carlos Vieito, foi finalista dos premios Ondas 2023. A páxina do Obradoiro Dixital Galego ofrece un directorio de todos os creadores de contido en galego.
Outra boa iniciativa foi a creación do portal agora.gal, no que o usuario pode atopar producións audiovisuais de diferente índole dun xeito cómodo e eficaz. Pero a pesar de ser cada día mais coñecido, segue a ser un portal de minorías, ao que acoden os que realmente buscan de xeito consciente contidos en galego.
Pola súa banda, Santiago Veloso mencionou o portal Escolas nas ondas, www.escolasnasondas.com, para as producións do ámbito educativo da lusofonía, enfocado a un público escolar.
Moito esforzo que non recibe a visibilidade que se merece porque se queda en círculos restrinxidos de consumo.
Existe desde hai anos un clamor popular pedindo o regreso do Xabarín Club, como máximo expoñente de programas de masas onde o galego chegue a todas as casas cunha oferta atractiva.
E dado o escaso interese en recuperalo, non nos quedará mais remedio que planificar a creación dun gran grupo mediático en galego.
Pero este tipo de proxecto só será posible por medio das sinerxías de todos os colectivos e empresarios interesados en que sexa unha realidade. “Ten que ser conxunto”, explica Pablo García, pero para iso é preciso “superar o minifundismo ideolóxico” no que se atopa a sociedade galega.
Ese será sen dúbida o grande reto!