A literatura, a nosa embaixadora

A literatura galega ten unha calidade expresiva que esperta cada vez mais interese a nivel internacional. Non é casual que número de traducións a diferentes idiomas de autores galegos creza cada ano. Trátase dun potencial que estamos na obriga de dar a coñecer, pois a literatura pode ser a mellor ponte ou embaixadora da nosa lingua.

Hoxe en día a diáspora galega é capaz de penetrar en círculos literarios e culturais nos que espallar a nosa cultura por medio da literatura. Desde a nosa asociación apoiamos e colaboramos con iniciativas destinadas a dar a coñecer aos nosos escritores e escritoras.

Homenaxe a Rosalía en Hamburgo

Que mello embaixadora da nosa língua que Rosalía? Estamos moi contentos de poder anunciar a homenaxe que celebraremos en outubro coa universidade de Hamburgo. E esperamos que seja a primeira de moitas. As notas letras merecen ser coñecidas no mundo.

Interpretación musical de poemas de Rosalía a cargo de Pavla Mlčáková y Carlos Montoya Rossi

O pasado 9 de setembro de 2025 iniciamos a nosa andaina nesta tarefa de dar a coñecer a nosa literatura polo mundo coa presentación da obra de Rosalía de Castro na cidade de Hamburgo, en Alemaña.

O evento foi tutelado polo Departamento de Románicas da Universidade de Hamburgo, no que participou como relator o profesor Dr. Markus Schäffauer, quen falou sobre a situación sociolingüística na que se atopan actualmente as linguas minorizadas no mundo.

Desde a Universidade de Kiel sumouse o representante do Centro de Estudos Galegos, o Dr. Facundo Muniain Reyna, que relatou o papel vertebrador e identitario que xogou a poesía e a figura de Rosalía na emigración de principios do século XX en América, así como a súa relevancia na constitución dos centros galegos da emigración nesa época.

Pola súa banda, Tomé Laxe fixo unha introdución á vida e repercusión social da obra de Rosalía na Galicia do século XX, e Carolina Silva participou cunha interpretación literaria das tres poesías que foron interpretadas musicalmente pola soprano Pavla Mlčáková, quen estivo acompañada ao piano por Carlos Montoya.

A xornada concluíu cun micro aberto no que o público leu poemas escollidos de Rosalía e, como non podía faltar, cunha queimada e foliada na que participaron membros da agrupación folclórica De Berlín son e á que se sumaron as persoas asistentes ao evento.

A obra de Rosalía espertou un grande interese entre o público. Conseguimos poñer en valor a súa extraordinaria calidade literaria entre o público de Hamburgo e atraer novos lectores no norte de Alemaña, para os que se expuso unha escolla da súa obra, proporcionada pola Editorial Galaxia. Tamén contamos coa colaboración do empresario galego Francisco Nogueiras no soporte do evento. 

Agardamos que esta iniciativa sirva para acender a chispa que lle permita ocupar un lugar destacado na comunidade universitaria da cidade hanseática, unha inmellorable porta de entrada para a nosa lingua e cultura.