Quen somos

Esta iniciativa naceu dun grupo de achegados a Manoel Vello na procura de cubrir o oco que deixou este activista na sociedade ao finar en decembro de 2022. Decidimos constituírnos como asociación coa finalidade de sentar as bases para a futura creación dunha fundación. 

No camiño fóronse incorporando persoas que souberon de nós e queren poñer en marcha  por medio da asociación proxectos destinados a fomentar o uso do galego. Agardamos a incorporación de todas persoas que queiran colaborar connosco.




Que queremos

Manoel Vello entregou a súa vida ao seu país nos eidos político, cultural e social. E entendeu que hai que defendelo desde todos os seus recunchos e desde todos os puntos de vista, e que para iso é necesario tender pontes entre todos nós.

Agora que xa non está el, a moitos dos que quedamos gustaríanos dotar ao país dun instrumento que canalice os nosos desexos, compromisos, talentos, ideas, iniciativas e ganas de continuar o seu proxecto vital: exercer o dereito de vivir en galego. 

E unha fundación pode ser unha ferramenta moi eficaz para xuntar as nosas forzas e recursos. 




Por que queremos ser unha fundación?

As sociedades desenvolvidas suplen a fenda existente entre administración e capital privado por medio da sociedade organizada. De todas as formas de vertebrar unha comunidade é a fundación mais axeitada para recibir soporte de ámbolos dous piares, económico e administrativo, e levar a cabo proxectos de envergadura deseñados por ela mesma en colaboración cos axentes sociais, pero destinados á cidadanía.

Deste xeito, onde non chega o capital privado e a administración pública chega a fundación. Esta ferramenta permítenos decidir como cidadáns en que tipo de sociedade queremos vivir e moldeala segundo os nosos valores por medio de iniciativas propostas por cada persoa que queira colaborar.

Como traballamos?

Desde a asociación queremos propoñer una estrutura colaborativa áxil capaz de chegar a todos os recunchos do país, pero tamén de espallarse polo mundo. Para iso a rede será o noso lugar de encontro, coa fin de facilitar a participación a todas as persoas independentemente do seu lugar de residencia.