Historiadores e directores apostan polo audiovisual anglosaxón para que leve ao cine a historia de Galicia
A cultura común atlántica e o atractivo dun papel decisivo na construción europea poden espertar o interese das produtoras
Soutomaior, 26 de outubro de 2015
Que hai material histórico de sobra para realizar películas sobre Galicia quedou mais de que claro na II Xornada Manoel Vello, celebrada este domingo no castelo de Soutomaior co título “A historia de Galicia como motor cinematográfico”. A actividade foi organizada pola Asociación Pro-Fundación Manoel Vello en colaboración co Concello de Soutomaior e a Deputación de Pontevedra, entidades representadas polo alcalde Manu Lorenzo e o deputado provincial Jorge Cubela, que, presentados pola presidenta da asociación, Carolina Silva, coincidiron en destacar a necesidade de poñer en valor da nosa historia e apoiaron expresamente a idea de facelo por medio do cinema.
Por suposto non se pasou por alto que o símbolo do Santo Grial que inspirou a lenda do rei Artur procede dos Ancares, pero foi só un exemplo máis, como a pedra do destino escocesa, que tamén se considera de orixe galega. Na xornada o investigador histórico, José Manuel Barbosa expuxo outros escenarios ideais para dramatizar historias e producir con elas filmes ou series destinadas á distribución internacional, como a lenda dos milesios, estirpe fundadora de Escocia, que os propios escoceses afirman que proceden de Galicia, ou a propia viaxe de Breogán a Irlanda, que activou unhas rutas comerciais entre o noroeste peninsular e as Illas Británicas, antes coñecidas como Casitérides, que foron as que permitiron o florecemento da Idade de Bronce no Mediterráneo.

De feito, Galicia está relacionada con catro civilizacións, a lusa, a hispánica, a celta altántica, e a europea. “Eses catro mundos encontran unha intersección na Galiza, e dentro deses termos temos materia que contar”, explicou Barbosa. “Os americanos teñen o far west, e nós temos a nosa historia”, da que estar orgullosos, argumentou. A bravura das mulleres castrexas que preferían sacrificarse xunto cos seus fillos antes de ser escravizados, os propios guerreiros que acudían espidos á guerra contra Roma, e logo lles cantaban con escarnio aos soldados romanos mentres morrían crucificados, ou os demandados mercenarios galegos nas guerras cartaxinesas, son outros exemplos de mostras do que a nosa historia pode ofrecer ao cine. E máis tarde, o poder político do lobby galaicio con Idacio, Paulo Orosio, ou a guerra civil sueva non lle tería nada que envexar ás liortas de poder da coñecida serie Xogo de Tronos. Un escenario no que se pode incluír a Exeria, a primeira muller escritora de occidente e peregrina a Terra Santa, galega, por suposto.
Do primeiro parlamento europeo en Tui á batalla de Pontesampaio
Xa en plena idade media, o poder galego xogou un papel moi importante da constitución da Europa que coñecemos hoxe en día. De feito, é inconcibible que florecera unha literatura medieval galega sen a existencia dun poder político e económico importante. A igrexa de Santiago era temida mesmo por Roma, e mesmo polos propios reis galegos que pouco a pouco se foron afastando e decidiron levar a corte primeiro a Asturias e logo á meseta.
Outro feito digno de levar ao cinema é que Tui foi o primeiro enclave en celebrar unha sesión parlamentaria en Europa baixo o reinado de Fernando II, así como a bandeira dos cruzados galegos, coa cruz azul sobre fondo branco, que foi a que despois adoptou o reino de Portugal. E que dicir da presencia dos viquingos na Galicia, co famoso Ulf o galego, lembrado con este nome na Escandinavia, ou raíña Urraca, raíña de Galicia e que foi despois a primeira raíña europea que gobernou en diferentes reinos da península baixo unha coroa con recoñecida autoridade, ou como o reino de Galicia se apoiou en Inglaterra para arredarse de Castela na Idade Media.
Da batalla dos irmandiños xa escoitamos falar, pioneira en Europa como revolta do pobo contra a tiranía dos señores feudais, así como o valor na batalla de María Pita que defendeu a cidade da Coruña da invasión do pirata inglés Drake, a batalla de Rande, a de Pontesampaio, cos héroes anónimos que perseguiron aos franceses ata máis alá dos Perineos. Tamén se expuxeron outras figuras como María Soliña, o Siñor Afranio, ou os mártires de Carral, dignas de levar ao cinema.
Ligazón co mundo anglosaxón
Ademais de fonte de ingresos para a industria cinematográfica, a recreación de escenarios históricos onde os heroes sexan os nosos antepasados axuda a “crear consciencia histórica dos pobos”, expuxo Barbosa, “porque houbo outros galegos na historia, outros mundos na historia que descoñecemos”.
E puxo o exemplo de Braveheart. “Os escoceses colleron conciencia da súa realidade nacional a raíz da realización deste filme, que se traduciu no auxe do nacionalismo escocés” nos anos 90 do século pasado.
Os milesios, Breogán e o propio fundador do antigo Gales, que foi tamén galego. A ligazón entre Galicia e o mundo británico non só pode servir de fonte de inspiración, senón que permite crear sinerxías e lazos actuais no cine e entre os espectadores, que se poden sentir representados de norte a sur do arco atlántico. De feito, en producións históricas anglosaxoas faise mención aos “brigantinos”, pobo existente nas dúas illas británicas, que tamén ten a súa versión galega na comarca coruñesa dos Bergantiños.
Na mesa redonda, moderada polo escritor de novela histórica César Pazos, discutiuse como levar estas historias ao cine. Participaron os directores Tomás Martínez, director de orixe galega afincado en Madrid, e Iago de Sant, director de cinema de inmersión.
Tomás Martínez, apostou directamente por chamar a atención de produtoras internacionais. “Hai que dar o salto e saír fóra”, afirmou. “Ás veces non é tanto a cuestión económica, pódense conseguir producións con pouco orzamento, trátase de xestionar os recursos propios e buscar ligazóns culturais con outros países”, explicou. E como conseguilo? Pois vendéndolle a nosa historia común aos anglosaxóns, ou conseguindo que persoas influentes do sector audiovisual internacional “se interesen pola historia, como por exemplo actores famosos que se impliquen”, engadiu.
Para César Pazos, tamén sería unha opción chamar á porta aos propios empresarios galegos que dispoñen de capital suficiente para abordar unha produción audiovisual ambiciosa. Segundo Pazos, “se demostramos a viabilidade económica, se presentamos un proxecto con profesionais hai xente con fondos económicos capaz de asumir os custes”. “Sería posible que un inversor galego aposte?”, preguntouse.
Historias capaces de implicar ao espectador
Iago de Sant coincide en que “o importante é que o inversor vexa a que é rendible e interesante. Pola súa banda propuxo como opción o cinema inmersivo para permitir que o espectador tamén participe na obra e viva en primeira man a historia do seu país. E argumentou “este país ten moita riqueza cultural e histórica e un entorno natural e arquitectónico inmellorable” para trasladar ao espectador á escena e que viva a historia como parte da mesma. Este xénero, en auxe en Inglaterra, informou de Sant, ben se podería practicar en Galicia, “sempre que os inversores aposten, porque é unha maneira de crear comunidade única, independentemente do número de membros”.
Entre o público, que participou lembrando os heroes de Pontesampaio, por exemplo, e avogaron por buscar financiación onde sexa preciso para revitalizar a nosa historia por medio do cine, atopábase o historiador inglés afincado desde hai uns meses en Galicia, Simon Doubleday, que ven de investigar sobre a figura de Afonso X. Alertou sobre o perigo de deformar e utilizar a figura dos heroes para unha “narrativa nacionalista”, e puxo como exemplo a Braveheart. Desde o seu punto de vista, resultaría máis enriquecedor analizar os dilemas persoais aos que se tiveron que enfrontar raíñas e reis, con personalidades ás veces complexas, e colocar a historia como fondo do escenario da trama argumental, como xeito de facer un cine máis humano e máis capaz de implicar ao espectador.
