É un dos primeiros proxectos que visualizamos desde a asociación pero tamén un dos de maior envergadura pola dimensión dos recursos materiais que precisa e pola transcendencia na sociedade tanto a nivel familiar como colectivo.
Actualmente unha boa parte dos nenos e nenas que viven en Galiza pasan as tardes na casa. En ocasións cos pais, pero outras con outros familiares. Toman a merenda, e normalmente ven a tele ou entran nas redes. Están acompañados pero sos ante os impulsos externos dos medios de comunicación maioritariamente en castelán. E o mais preocupante, reciben información todo o tempo, e non teñen oportunidade de expresarse ou desenvolver as súas capacidades creativas, é dicir, xogar.
Algúns deles poden participar en actividades extraescolares, sempre en función da oferta e da capacidade económica das familias. Entre actividade e actividade ten que organizarse cada familia para levar aos cativos de unha actividade a outra, ou para casa, a espera de que cheguen os pais ou titores cos que conviven.
E en moitas ocasións resulta todo un desafío para os pais buscar quen atenda aos nenos durante esas tardes, entre actividade e actividade, e mesmo na casa, loitando con eles para que fagan os deberes e apaguen a consola.
Para mellorar a calidade de vida a estes rapaces e sobre todo para sacarlle partido a todos os seus talentos, queremos ofrecerlles un lugar de encontro no que pasar as tardes, un fogar no que xogar, seguir aprendendo, desenvolver as súas capacidades creativas e interactuar en galego. Eles son o noso futuro e poremos o noso nas súas mans. É a nosa obriga garantir o seu desenvolvemento integral para facer dese país unha sociedade capaz de afrontarse aos retos dos novos tempos.
No fogar os coidadores recollerán os nenos no colexio e os acompañarán as súas instalacións nas que poderán facer os deberes coa axuda dos coidadores, merendar, realizar actividades creativas, ou simplemente estar xuntos uns cos outros, a espera de que veñan os pais a recollelos cando saian do traballo. Este fogar terá como lingua vehicular o galego, lingua que falarán exclusivamente os educadores, de xeito que os rapaces comecen a empregala sen esforzo e de xeito natural, e o máis importante, que a experimenten como una ferramenta de comunicación útil e que lles ofrece posibilidades de relacionarse.
Este fogar está aberto a todos os cidadáns, e especialmente pensado para os que non teñen recursos económicos para costear actividades extraescolares. As familias pagarán as cotas en función da renda familiar. Para subvencionar o custo total é preciso contar coa colaboración das administracións públicas ou con patrocinadores do sector empresarial. Tamén será fundamental a implicación das AMPAS neste proxecto, así como a colaboración dos docentes que imparten os obradoiros das actividades extraescolares.