Venancio Salcines, presidente da fundación, e Carolina Silva Méndez, presidenta da asociación, asinaron un convenio para contribuír ao desenvolvemento do idioma e ao fornecemento da sociedade galega
Silva: “É moi importante que o empresariado se implique na defensa do uso do galego. Queremos tender pontes e sumar forzas”
Salcines: “A defensa da nosa cultura e da nosa identidade dende un marco integrador é moi necesaria para o país”
A Coruña, 22 de marzo de 2024.- A Fundación Venancio Salcines (FVS) colaborará coa Asociación Pro-Fundación Manoel Vello no fomento e difusión da lingua e a cultura galegas. O convenio subscrito esta mañá na Coruña por Venancio Salcines, presidente de FVS, e Carolina Silva Méndez, presidenta da agrupación, permitirá a ambas entidades avanzar conxuntamente no desenvolvemento do idioma e no fornecemento da sociedade galega.
“Para nós é moi importante que o empresariado se implique na defensa do uso do galego. Como asociación queremos tender pontes entre todos os sectores sociais, sentirnos cohesionados e sumar forzas”, sinalou Silva. A Asociación Pro-Fundación Manoel Vello creouse no 2023, xusto un ano despois do pasamento deste político, sindicalista e activista moi comprometido na promoción do uso do galego, e conta entre os seus membros con figuras de referencia na comunidade como o escritor Xavier Alcalá ou Enrique Sáez Ponte, presidente da Fundación Juana de Vega.
Pola súa banda, Venancio Salcines salientou no acto de hoxe a relevancia do acordo acadado entre a asociación e a fundación que preside. “O traballo deste colectivo é fundamental. A defensa da nosa cultura e da nosa identidade, dentro dun marco integrador, alonxado do sectarismo, é moi necesaria para o país. Aí estaremos sempre”, afirmou.
A contribución da FVS a través deste convenio permitirá promocionar accións comúns a fin de apoiar o desenvolvemento do proxecto fundamental da asociación de exercer o dereito de vivir en galego. “O noso obxectivo -dixo Silva- é traballar a prol dos valores e a misión de vida de Manoel Vello, do seu pensamento e do seu soño”.
O cometido da asociación é ofrecerlle á sociedade galega unha ferramenta capaz de levar a cabo iniciativas ambiciosas e transformadoras que poidan deixar unha pegada visible no país no eido lingüístico e na conservación do patrimonio histórico e cultural, contando para iso coa colaboración económica tanto das administracións como do tecido empresarial galego. Unha das súas prioridades é aumentar o número total de galegofalantes activos, é dicir, persoas con capacidade comunicativa real e con predisposición positiva a empregar a lingua autóctona de Galicia sen esforzos e sen condicionantes sociais.
A páxina web da Asociación Pro-Fundación Manoel Vello é https://www.manoelvello.gal/.