A Asociación Pro-Fundación Manoel Vello quere aproveitar a celebración do Día das Letras Galegas para convidar á sociedade do país a reflexionar sobre a necesidade de elaborar programas de integración en lingua e cultura galegas destinados a inmigrantes que elixen Galicia para vivir e criar os seus fillos.
Se queremos que os novos galegos boten raíces non só na nosa terra, senón tamén na nosa cultura e non se queden como meros espectadores do noso folclore e da nosa lingua, teremos que asumir a responsabilidade en dárllela a coñecer como o tesouro que é.
Eles están desexando integrarse e teñen dereito a facelo. De nós depende en que sociedade o fagan, en que lingua se expresen e con que valores se identifiquen. Non esquezamos que todo inmigrante que se sinte aceptado nunha nova sociedade convértese en férreo defensor dela. Se se senten galegos, será tamén o seu labor alzar a súa voz en defensa da nosa cultura, pois será tamén a deles.
Convidémolos a seren tan galegos coma nós.