O achegamento á súa variedade de maior prestixio, o portugués, é un bo camiño cultural, lingüístico e económico para que o galego se fortaleza en Galiza. A provocación deste texto é: por que motivos debería Galiza escoller o Brasil para este fin?
Tanto en cuestións culturais, económicas e lingüísticas, o Brasil convértese nun potencial aliado estratéxico para Galiza. Co seu gran mercado consumidor, os galegos terían un público enorme para divulgar, exportar e fortalecer as súas producións culturais. Actualmente, Galiza case non ten presenza no Brasil, agás en pequenos nichos académicos.
Pola contra, o Brasil non é descoñecido polos galegos. En Galiza consómese máis cultura brasileira que portuguesa en varios âmbitos. Na música, O funk carioca escoítase máis que o fado ou o pop portugués; o sertanejo está presente en festas e emisoras galegas; a MPB/Pop é máis coñecida que os artistas portugueses contemporáneos. En 2023, 3 das 10 cancións máis tocadas en Galiza durante os festivais de verán eran brasileiras.
As telenovelas brasileiras da TV Globo emitidas pola TVG tiveron moita máis audiencia que as portuguesas. Os filmes brasileiros seguen o mesmo camiño, sendo máis famosos na Galiza que os de Portugal. A serie 3% tivo máis audiencia que a produción portuguesa Glória. Os youtubers e influenciadores brasileiros (como Anitta e Whindersson) teñen máis seguidores galegos que os portugueses. Do total de vídeos en portugués vistos en Galiza no YouTube, o 60% son brasileiros.
En cuestións económicas, se o Brasil for consumidor de produtos galegos daría moita proxección a Galiza, abrindo un horizonte de crecemento e parcerías estratéxicas moito maiores que o eixo España-Norte de Portugal. Os galegos terían un país de dimensións continentais para facer acordos e proxectarse no mundo en lingua portuguesa, unha acción facilitada polo Brasil.
En cuestións lingüísticas, o portugués brasileiro e o galego teñen raíces comúns e, aínda con evolucións distintas, presentan maior proximidade de entendemento que co portugués de Portugal, xa que este último sufriu maiores cambios fonéticos ao longo dos últimos séculos. Esta integración lingüística podería revitalizar o galego, especialmente en contextos internacionais, facilitando unha comunicación fluída tanto na norma da RAG como na reintegrada.
A consolidación do galego como unha lingua viva, dinámica e útil evitará a súa asimilación polo castelán, lingua de opresión. Outros países da CPLP tamén estarían abertos a negociar con Galiza e establecer intercambios proveitosos.
Deste xeito, unha alianza cun país interesado en novos negocios, que respecta a variedade lingüística galega, que posúe un mercado consumidor continental e que abre portas ao mundo non só pode, senón que debe ser a mellor opción. O Brasil é o gran aliado que Galiza necesita neste momento.
Victor Hugo da Silva Vasconcellos é doutor en Letras pola Universidade Presbiteriana Mackenzie (São Paulo, Brasil) e doutorando en Estudos Lingüísticos pola Universidade da Coruña (Galiza). Traballa como investigador e profesor particular de portugués e lingüística. É tamén membro da Asociación Pró-Fundación Manoel Vello.