Aprendermos con Manoel

“Manoel Vello Salvado é o noso amigo, aínda que saibamos que partiu, hai un desexo seu que vai ficar para sempre connosco: vivirmos en galego.

Sabemos que non é doado, mais moi lonxe da derrota, herdamos de Manoel a forza e o entusiamos, a loita xusta e, sobre todo, sabermos que un mundo novo para cada lingua do planeta, para cada cultura, para cada pobo, é posíbel. Tamén para o galego.

Sabemos que a forza de tanto amor, da que falaba Uxío Novoneyra, non pode ser inútil. Manoel, trasmitiunos esa forza. Sen arrogancia, sen egocentrismo, aprendemos con Manoel que desde o valor das pequenas cousas, dos pequenos xestos, con cada unha das nosas voces podemos aprender a valorar o noso, como valoramos o outro e o todo. O noso ten espazo no todo. O noso construído en galego, non pode ficar petrificado, folclorizado, esclerotizado. Cómpre que sexa revitalizado, para seguir construíndo e re-construíndo.

É Manoel quen nos convoca para transmitirmos co goce do idioma, para revitalizalo e levalo de paseo, con alegría facendo de cada día unha festa co seu uso. Por iso, precisamos de todas as mans e cabezas, de todas as inciciativas que fomenten o uso da lingua galega, de todas as asociacións, de cada voz individual.

Queremos presentarnos á sociedade como a Fundación Manuel Vello Salvado para:

Colaborarmos con todos os proxectos e iniciativas que fomenten o uso da lingua galega.

Contribuírmos, coa forza herdada de Manoel, a que a rapazada, a mocidade, as persoas que nunca se achegaron ao galego e todas as persoas que desexen vivir aquí, teñan os medios suficientes para gozaren do dereito de vivir en galego, para que non haxa obstáculos que lles impidan adquirir unha competencia comunicativa real e de calidade en galego.

Contribuírmos a que non haxa xeracións perdidas para a lingua galega, nin as do tempo da transición política no espazo urbano, nin as máis novas do espazo rural ou urbano ás que no tempo da globalización non se lle transmite a lingua.

Crearmos, visibilizarmos espazos de lecer, de vida, para fomentar o uso do galego. Para sermos conscientes dos prexuízos que contribúen ao desprestixio da lingua e a súa minorización.

Visibilizarmos e fomentarmos a lingua galega na sociedade, sabemos que como persoas traballadoras e consumidoras podemos demandar a etiquetaxe dos produtos en galego, uns medios de comunicación para o pobo e desde o pobo en galego. Fomentarmos o emprego da lingua galega nas redes, no cinema, na música. Fomentarmos o emprego da lingua galega para achegar contidos creativos e de lecer para a mocidade actual.

Potenciarmos e visibilizarmos a creación artística en galego.

Deseñarmos iniciativas para que as empresa privadas se comuniquen cos clientes e coas clientas en galego. Con Manoel aprendemos e reclamamos asinar os contratos en galego e recibirmos atención en galego. 

Con Manoel sabemos da nosa orixe e da herdanza cultural que lle deixamos ao mundo, por iso, será fundamental: Deseñarmos iniciativas que contribúan a fortalecer as relacions co mundo da lusofonía do que somos parte.

Con Manoel aprendemos que a lingua é un monte comunal de abrazo colectivo, por iso chamamos por todas as voces, mans e cabezas que así o sintan. Sabemos que Galiza precisa de nós.

Con Manoel aprendemos ese desexo que queremos manter aceso para que se convirta en realidade, por dereito: Vivirmos en galego.”

-Marga do Val