A asociación asina un convenio de colaboración co escritor César Pazos para promocionar a súa obra en galego

O seu segundo libro está dedicado a Manoel Vello, a quen o autor compara co protagonista da súa novela sobre o destino de Galiza
Carolina Silva, presidenta da asociación, e César Pazos fronte as illas Cíes na ría de Vigo

Vigo, 13 de agosto de 2024

“No Nadal de 2022 vivín a marcha dun bo amigo. Unha persoa coa marabillosa capacidade de asombro e sempre disposto a loitar polo ben común e a súa amada Galiza. […] Como o rei Albión, Manoliño era indómito, un galaico auténtico que soñaba cunha Galiza esperta, consciente e en comuñón consigo mesma. Era como un enviado dos deuses celtas galaicos a tempos presentes. Sempre coa súa man disposta e o seu bravo corazón a punto. Que falta nos fan hoxe en día millóns de Manoliños entre todos os pobos do mundo. […]  Son persoas que ao visitar esta vida dignifican o ser humano”.

O extracto é  parte da dedicatoria a Manoel Vello do segundo tomo da novela de César Pazos, A Coroa da Alianza, que proximamente sairá publicada en galego xunto coa primeira parte, A Comunidade das Nacións. Nesta obra en dous tomos, César Pazos convídanos a viaxar ao noso celta prerromano para presenciar a lendaria batalla do Monte Medulio e trasladarnos despois á segunda metade do século XXI na que Galiza está destinada a xogar un papel fundamental no futuro da civilización.

O escenario da sinatura do convenio ten unha forte simboloxía. A chegada de Xulio César no ano 60 a.C. ás illas Cíes perseguindo aos herminios lusitanos que se estaban refuxiando no arquipélago galego, foi o preámbulo do sometemento da Gallaecia por parte de Roma. Case 40 anos despois o seu sucesor César Augusto, quixo asegurarse o control destes pobos celtas, que culminou co asedio ao Medulio, que varios historiadores e o mesmo César Pazos sitúan en Santa Trega. O rei celta Albión será a personificación do valor dun pobo que loitou por ser libre, e que está chamado a seguir loitando tamén nun futuro próximo pola súa liberdade.

Segundo o convenio, asinado o pasado día 13 de agosto en Vigo, a asociación colaborará na promoción da versión galega da obra literaria do autor, que aínda se atopa en fase de revisión. Pola súa banda, César Pazos formará parte do consello asesor que guiará á asociación pro-fundación na súa andaina cara a creación da Fundación Manoel Vello.

Dedicatoria a Manoel Vello de César Pazos no libro "La Comunidad de las Naciones".